Saltar ao contido

Este proxecto é unha iniciativa educativa innovadora para promover hábitos alimentarios saudables e sostibles na comunidade educativa e máis aló. Buscamos transformar a forma en que os estudantes e outros colectivos acceden a alimentos nutritivos e de calidade a través do deseño e implantación de máquinas expendedoras, cunha oferta gastronómica baseada en produtos de proximidade, con embalaxes sostibles e a capacidade de rexenerar o produto.

Principais obxectivos educativos

Pretendemos fomentar no estudantado unha conciencia crítica sobre a alimentación, promovendo hábitos saudables e sostibles a través dunha experiencia práctica e formativa, traballando en equipo, potenciando a creatividade, a autonomía e o espírito emprendedor.

Buscamos integrar a aprendizaxe coa aplicación real, capacitando ao alumnado no deseño, produción e xestión dunha oferta gastronómica innovadora e responsable, onde os estudantes participan activamente en todas as fases do proxecto, desde a planificación e deseño de dita oferta até a posta en marcha e avaliación dos resultados.

Agardamos un impacto significativo na formación de futuros profesionais da hostalaría dotándoos de:

  • Coñecementos sólidos sobre alimentación saudable e sostible.
  • Habilidades para deseñar e xestionar ofertas gastronómicas innovadoras.
  • Conciencia social e ambiental.
  • Experiencia en emprendemento e xestión de proxectos.

Público obxectivo

Evidentemente este proxecto está pensado para estudantes de hostalaría e restauración, mais tamén para o profesorado, para o persoal de centros educativos e en xeral para a comunidade interesada na alimentación saudable e sostible.

Este proxecto está liderado polo CIFP Carlos Oroza e conta coa colaboración do CIFP Hostelería y Turismo de Xixón, CIFP Juníper Serra de Palma de Mallorca, CIFP Leioa (Leioa, Bizkaia) e o CIFP Gamarra (Gasteiz, Araba). Ademais, a empresa COESCO – Cociña CULINARIA participa como empresa colaboradora, brindando unha perspectiva do sector profesional. [Ver máis información sobre as entidades colaboradoras].

A nosa idea é fomentar o intercambio de coñecementos e experiencias entre diferentes institucións educativas. Nese sentido, convidamos a outros centros de ensino, institucións e profesionais do sector a unirse a esta iniciativa e a colaborar na creación dun modelo innovador que promova a alimentación saudable e responsable. Cremos que esta é unha excelente oportunidade para formar ás novas xeracións de profesionais da hostalaría cunha visión integral e comprometida coa saúde e o medio ambiente.